Springsteen en Madrid.
Eran as nove e media da mañá cando saímos de Abelleira cara o aeroporto de Alvedro en busca da “terra prometida” que tanto botabamos de menos. Había xa catro anos que no viamos actuar. Fora no estadio do Molinón cando el e a E Street Band nos amosou como se toca Rock and Roll de verdade. Era iso, só rock and roll como dicía Micke Jagger. A linguaxe máis universal, ou como se di agora, a máis global. A que non entende de idiomas nin de fronteiras, nin sequera das bandeiras que tanto están de moda. Aquela tarde de maio, as gradas do Molinón berraron máis ca nunca; nin sequera o bruxo Quini foi quen de alporizar tanto ás masas asturianas.
Subimos as paxareiras e despois de hora e media chegamos a Alvedro. Despexamos cara a Madrid puntuais nun avión de Easy Jet e chegamos á T4 unha hora máis tarde. Foi plácida a viaxe, aínda que a min nunca me convencerá de todo esta modalidade de transporte. Din os entendidos que é a máis segura das maneiras de viaxar, pero eu sigo sen convencerme de que os ferros voen como as gaivotas ou os merlos. Ao mellor será porque me gustan máis os animais de baixo terra. O metro si que está máis dentro das lais da física e por iso me gustou tanto. Transporte este moi democratizador onde as leis de urbanidade pasan a un segundo plano.
O noso hostal (os hoteis en Madrid son moito máis caros) estaba xusto na Gran vía. “Galicia” chamábase. Non podía ser doutro xeito. Ás catro da tarde chegaron os catro que faltaban. Viñeran das Canarias dous días antes e xa levaban dúas noites de troula. A Gran Vía e a zona de Callao xa era territorio coñecido para eles. Son xente cosmopolita, que queredes que vos diga.
Comemos no restaurante “Ebro” unha parrillada de carne con balocas bravas. O picante tiraba do viño e baixamos catro botellas de Rioxa. Boa sobremesa aquela. Da gusto falar de todo un pouco con esa xente que está alén do mar, e que se ve tan poucas veces no ano.
Paseamos logo polo Madrid Vello. Cidade esta que non ten nada que ver coa castellana ou as torres Kio. Gosto eu moito máis daquela Madrid secular onde retumba a sombra alongada dos Austrias. Non quero dicir eu que avogue pola monarquía nin moito menos. É simplemente unha cuestión estética.
A media tarde fomos para o Pavillón da comunidade de Madrid. Pedro Ramón vendeu as dúas entradas que sobraban e puxémonos esperando a vez de entrar. Entramos. É ben grande o pavillón este, e fermoso. Digo eu que os arquitectos cando queren fan o que deben e este é un claro exemplo. Metémonos adiante de todo. A escasos cinco metros do escenario. Estaba previsto que comezara ás nove pero o rebumbio que armaron Filipe, Leticia e Elena retrasou o evento unha hora.
Ás dez entrou a E Street Band e xusto detrás o Xefe da banda. Dende “Radio Nowhere” ata “American Land” todo foi apoteótico. Xa non brinca como hai quince anos pero a música segue correndo polas súas veas como un solimán de Rock and Roll. Está este Bruce cada vez máis comprometido coas inxustizas que están a cometer os dirixentes do seu país. Falou das mentiras que se converten en verdades a conta dos enganos que nos intentan meter. El non cala. A pasividade non éa súa política. Prefire vender menos discos a ser honesto consigo mesmo e cos que o seguen dende hai 30 anos. El non defraudou e a banda segue tocando mellor ca nunca. O son impecable, e o público sen parar de corear as cancións e saltar durante dúas horas e cuarto. O esperado. Pero o esperado neste home sempre chega ao sobresaínte.
Despois do concerto visitamos unha cervexería de estilo británico onde a maioría dos clientes falaba inglés. Non sei polo que sería. Xa dixen antes que Madrid é unha cidade ben cosmopolita. Ás tres da mañá deitámonos e ás nove fomos almorzar. Paseamos novamente polo Madrid histórico (Almudena, Pazo Real, Praza Maior, etc.) e fomos para o aeroporto. Alí compramos un acordarse para as nosas donas e de volta para a casiña.
Valeu a pena. Sempre vale a pena non renderse e non deixar de ansiar esa terra prometida da que falei antes. Quizais porque a maioría de nós nacemos para correr, aínda que sexa por unha estrada de tronos. Pois eso.



Non vos perdades o próximo 27 de Xullo o monólogo do Taru no Local Social de Sorribos ás 22:30 horas de noite. Asegúrovos que vos ides a rir un anaco longo. Debido ó seu contido un pouco picante temos que restrinxir a entrada a maiores de 13 anos. Simbólicamente vamos a cobrar un euriño ós asociados/as e dous ós que non o son, a ver si se animan e se fan algún día. Deixovos cun pequeno resumo da traxectoria do Taru no mundo dos monólogos...........feito por el mesmo....





